O Concello de Vilagarcía decidiu modificar os pasos ciclistas habilitados hai uns meses co obxecto de mellorar a súa adherencia. A medida adóptase para previr posibles riscos de esvaramento pese a que a pintura utilizada para colorear o interior dos carrís é a mesma que se utiliza dende hai anos para pintar os pasos de peóns, especial para carreteiras e antideslizante, segundo a indicación do fabricante. A retirada deste material complementarase con outras medidas tendentes a incrementar a seguridade, como a colocación de sinalización que advirta aos condutores do paso de ciclistas.
20.12.2017.- Os traballos comezaron esta mañá polo carril para bicis anexo ao paso de peóns de Ravella, onde xa se retirou a pintura mediante o uso dunha máquina fresadora. A actuación complementarase rematando o acabado do firme e incluíndo sinalización que, neste caso concreto, consistirá na instalación nos semáforos de sendos cadros lumínicos coa silueta da bicicleta que se engadirá ao do peón. A compra dos sistemas led acordouse na Xunta Local de Goberno do pasado 4 de cemebro, po,lo que se instalarán tan pronto como sexan subministrados pola empresa.

Firme aposta pola bici

O goberno de Vilagarcía aposta firmemente por potenciar o uso da bicicleta como medio de desprazamento alternativo ao coche. Por iso, non só manterá os pasos ciclistas habilitados xunto a pasos de peóns en varias rúas da cidade, senón que ademais continuará ampliando as infraestruras para que os ciclistas poidan circular pola cidade coa maior seguridade, aspecto que prioritario, e comodidade. Neste sentido, lembrar que xa está realizado o estudo das ciclovías e que xa se contratou a redacción do proxecto para comezar en 2018 a súa construción.